Frases celebres

"Non é suficiente con saber, senon tamén aplicar o sabido; non basta con querer senon que é preciso obrar" Joham Wolfgang

martes, 22 de abril de 2008

CRÍTICA POLÍTICA OU MACHISMO ENCUBERTO

Nestes días nos que un goberno do Estado acaba de apostar pola paridade, ou case mellor dito, pola primacía da muller sobre o home, en canto a ministerios se trata apareceron por arte de maxia aquelas voces furiosas que critican esta primacía indicando a falla de experiencia de estas ministras. Ampáranse pois en argumentos políticos para criticar a estas membros do goberno…pero mira que casualidade que son os mesmos que tamén criticaron a paridade das listaxes electorais e da inxustiza da lei de igualdade, o que me fai preguntarme se en verdade non estarán encubrindo un machismo nesas críticas, por medo ao progreso da muller no ámbito da igualdade efectiva que tanto merecen.
A ministra máis castigada por estes reproches e a ministra de defensa Carme Chacón, a cal está recibindo dende estes sectores as maiores ofensas de descrédito político que se poidan imaxinar; chegando ao punto de criticar a esta ministra por estar nun posto no que vai a coller, proximamente, unha baixa maternal. Se estiveramos nunha empresa privada as críticas ao empresario que votase a esa traballadora chegarían de tódolos frontes, e se fora nomeada polo xefe para un ascenso ese xefe sería alagado por todos sen quebrantos. Pero estamos no goberno do estado, entón hai que criticar sen sentido e sen respectar aos principios constitucionais máis básicos como é o principio de igualdade entre xéneros... Unha pregunta me xorde a partir de aquí; onde están esas feministas para saír en defensa das ministras, e desta en concreto? Porque creo que a ela tamén hai que defendela porque tamén é muller, e está sendo criticada por ser muller.
É un gran logro tanto de Zapatero; por risco de nomear a unha muller como ministra de defensa (digo risco pois en principio é a institución posiblemente máis conservadora do Estado, aínda que coas últimas declaracións parece que este non é sector crítico, senón que con esta medida e a súa falta de crítica se esta a ver que o exercito español xa non é o exercito dos anos 70; senón que quizais sexa o exercito máis moderno do mundo no aspecto de igualdade e democracia) e sobre todo de Carme Chacón por conseguir ser a primeira ministra embarazada e ser a primeira muller que dirixe o ministerio de defensa.
Os críticos destra ministra alegan a súa falta de experiencia, eu dígolles que a experiencia se adquire co traballo, e Carme é unha grande traballadora política, que ao seu paso por tódolos postos que foi ostentando foi conquerindo méritos e experiencia. E se as críticas se deben a que non ten experiencia militar, hai que recordarlles a eses críticos que de tódolos ministros da democracia que ostentaron ese posto, moi poucos tiñan experiencia e graduación militar, concretamente só os dos primeiros gobernos da nosa democracia que eran militares podían presumir de ser grandes coñecedores do exercito español.
Tamén se lle critica por ser “nacionalista” catalana (debese a que pertence ao PSC). Ironías da vida, eses que a critican por ser unha catalana no ministerio de defensa, son os que defenden a España como unha gran nación indivisible. Con esa crítica que queren dar a relucir? Que os cataláns non son españois e por tanto non poden estar no ministerio de defensa…con eses argumentos danlle máis alas aos nacionalistas de ERC para que digan que Catalunya non é España. Pois eu que creo na diversidade española, creo que, segundo a Constitución (da que eses críticos tanto se enchen as súas bocas, pero soamente cando lles interesa, pois para o que non lles interesa ben que non a citan ou a terxiversan), Catalunya si que é España, e por tanto, Carme Chacón é española, e por tanto con dereito a ostentar o cargo que lle ten, tanto como o maior nacionalista español; ou incluso máis porque seguramente que esa carteira estaría máis controlada nas mans da “nacionalista” Chacón que nas dos “españolistas” que critican a Carme por ser catalana.
Sinalar finalmente dúas cousas; a primeira que de momento non hai crítica posible, pois co seu estado de xestación está disposta a traballar e viaxar ata o último día de xestación; o que é moi loable.
E segundo, que estes críticos sen argumentos sostibles non son capaces de esperar aos 100 días de actuación do goberno para comezar a criticar a actuación dos membros do mesmo. Tan desesperados están por criticar? Pois podían morderse a lingua porque de políticos ou críticos políticos non teñen nada, senón que son meros charlatáns que non teñen outra cousa que facer que intentar destruír o traballo conseguido por tantas mulleres (e homes) para conquerir a igualdade de xénero…sen dúbida que estes críticos aínda non se deron de conta de que estamos no século XXI e que España é, por sorte, unha democracia dende fai 30 anos e en onde se propugna como base fundamental o principio de igualdade do artigo 14 da constitución.

No hay comentarios: