Frases celebres

"Non é suficiente con saber, senon tamén aplicar o sabido; non basta con querer senon que é preciso obrar" Joham Wolfgang

martes, 28 de octubre de 2008

A RIBEIRA SACRA: SANTUARIO NATURAL.

Auga, pedra e natureza son as tres palabras coas que se pode definir a visita a estas terras do norte da provincia de Ourense. A Ribeira Sacra é un territorio onde o ser humano moderno (o ciber-urbanita) pódese reencontrar de novo coa súa parte natural soamente con ver a paisaxe con que o recibe esta rexión galega. Poderíase definir como miles de árbores autóctonos escoltan o sutil baile entre as montañas e as augas do río Sil.
Pódese chegar a esta zona dende a cidade de Ourense ou ben por Luíntra ou ben (si se quere percorrer mais quilómetros que se verán remunerados polas vistas) por Castro Caldelas. No primeiro caso levarate directamente a Santo Estevo de Ribas de Sil e no segundo caso terase que pasar primeiramente por Parada de Sil. En todo caso a última parte do viaxe será a través dunha estreita estrada comarcal que, aínda que preciosa ao estar escoltada polas árbores, e perigosa por ser estreita e con moitas curvas.
Cabe destacar, entre toda esta fermosura os mosteiros, máis que construídos, incorporados a esta terra. O primeiro é o Mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil (o cal podemos ver na fotografía) reconvertido en Parador Nacional. A súa visita, aínda que non pode ser completa xa que a maioría está destinado a fins do parador, faite ver como debería ser a vida de recollemento dos moradores orixinais da construción, así como da paz interior que deberían de atopar, non só vendo aquela paisaxe abrupta chea de carballeiras e castiñeiros, senón estando perdidos entre aquelas pedras centenarias esculpidas a man por mestres pedreiros que rebordan á vez frialdade pero tamén agarimo e como sempre tranquilidade. O estilo románico flora por todas as esquinas deste mosteiro, aínda que reconstruído nalgúns puntos. No mirar coidadoso pódese observar pequenas criaturas de todo tipo nos dinteles das columnas, así como escenas da biblia. Reprodución por outra parte moi típicas da época deste mosteiro. A igrerxa do mosteiro (tamén románica), impresionará pola súa grandiosidade interior, e é que dende fora o que a visite non se espera atopar nada parecido como ao que se ve.
Aproveitando a estancia neste lugar, non pode o visitante esquecer de facer unha ruta de sendeirismo que o faga percorrer entre as árbores centenarias do lugar. Se a súa visita comeza neste Parador Nacional pode comezar unha pequena ruta de sendeirismo que o levará ate o río Sil, ao fondo do canón que leva o seu propio nome. Se esta ruta a fai na época das castañas poderá ter o gusto, non só de oír e ver como caen, senón que tamén poderá comelas…aínda que hai que ter coidado porque está prohibido collelas das fincas privadas e sobre todo con que non che caia ningunha na cabeza.
Pero existen unha multitude de rutas de sendeirismo neta terra, nalgunha delas poderá descubrir vellos soterramentos da época prerromana, como son as mámoas (a ruta leva o seu mesmo nome e comeza tamén no mosteiro) ou as pequenas vilas que se atopan asentadas por toda este canón do Sil e que viven sobre todo do sector primario e das visitas turísticas.
Para continuar o visitante terá que visitar o mosteiro de Santa Cristina (románico do S. XI) situado cerca de O Castro; o cal, como contrapunto do anterior non se atopa case que visitado, posto que non é Parador Nacional, concretamente atópase abandoado, aínda que está parcialmente reconstruído, pero a súa visita merece a pena, porque se atopa plenamente integrado na natureza…tan integrado que a el só se pode acceder andando por un sendeiro de pedra. Do lugar emana tranquilidade e silencio, roto sóamente polo cantar dos paxaros e o fluír continuo do río Sil. Eu que tiven o pracer de visitalo no solpor do día a impresión aínda foi moito mellor, e o único que apetecía era quedar a pasar a noite naquela tranquilidade que parecía eterna.
O visitante non se pode ir sen antes coller o catamarán que o recorrerá a ver toda a zona dende o punto de vista do río. Cun custo duns 12 € a visita merece a pena, sobre todo se é acompañado pola parella porque recorrerá o sinuosos contonear do ría Sil e poderá ver as marcas deixadas polo paso continuo das augas entre as montañas graníticas galegas. Unha viaxe romántica que permanecerá eterno no recordo dos que o fagan. Aínda que recomendo reservar antes a entradas porque en tempada alta a entradas escasean. Por certo o embarcadoiro dende onde sae o catamarán atópase en Parada de Sil.
En canto a poder pasar a noite nestas terras, existen multitude de pensións existentes polas vilas da zona, aínda que si se quere dar un caprichiño poderá reservar unha habitación no Parador Nacional do Mosteiro de Ribas de Sil. Pero existen caprichos máis pequenos como son os bungalós que existen entre Parada de Sil e o Mosteiro de Santa Cristina.
Por certo non se poderá ir da zona sen catar, ben na comida, ben na cea un viño con denominación de orixe “Riveira Sacra”, aínda que eu prefiro o froito típico da zona…as castañas.
Para os que sexan un pouco máis aventureiros e lles guste o deporte poden probar a facer o “Camiño Real” que dende Peares a Parada de Sil. Aínda que esta ruta é para xente ben preparada, pois so 27 kilómetros ao longo do río Sil por sinuosos camiños, non só de terra, senón tamén de asfalto caracterizándose polos seus cambios de oscilacións. Pero o esforzo merece a pena, non só polas vistas, senón porque por este camiño poderá ver as aldeas da zona, coñecer a súas xente e, o máis importante, coñecerse a un mesmo e á persoa ou persoas que o acompañen.
Da miña viaxe por esas terras leveime moitas lembranzas e moi vos recordos pero se me tivera que quedar con algo sería coa tranquilidade que me envolveu, a grata compañía coa que fun e sobre todo coas ganas de volver para descubrir máis secretos que garda estas terras tan achegadas a miña cidade; e que ten razón o dito de que “non se sabe o que se ten ata que se perde”.

No hay comentarios: